CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN "CAMIÑOS (IN)CERTOS" E NOVA PÁXINA WEB DA FUNDACIÓN

Acto de presentación de la nueva página web y del catálogo de la exposición "Caminos (IN)ciertos"

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela ven de actualizar a súa páxina web para facela máis interactiva e fácil de usar. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fixo un repaso pola web nun acto no que tamén se deu a coñecer o catálogo da exposición "Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional", visitable no espazo museístico de Iria Flavia ata o vindeiro 31 de maio.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expuxo que esta renovación do espazo dixital foi realizada co obxectivo de incrementar a promoción sobre o traballo do escritor Camilo José Cela, o único galego que gañou o Premio Nobel. “Este novo recurso permitirá que a cidadanía teña un mellor acceso á información práctica sobre o labor que se realiza tanto na Fundación como no Museo, así como as súas exposicións e actividades”, indicou.

Precisamente, unha das primeiras actividades que se promociona na nova web da Fundación Camilo José Cela é a exposición "Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional", cuxo catálogo foi presentado o 19 de abril. Trátase dun volume que recolle os detalles da exposición na que participan doce artistas que, a través das súas obras, fan unha referencia simbólica á novela La colmena (obra que en primeira instancia concibiuse como a primeira parte dunha triloxía baixo o título "Caminos inciertos") e as súas pezas interactúan cos espazos expositivos da sede de Iria Flavia.

Creación de artistas galegas e catálogo da exposición

A exposición conta coa participación de artistas galegas ou vinculadas con Galicia como Pilar Boullosa, Sara Coleman, Iria do Castelo, Iria Fafián, Carla Souto, Paula Noya, Sesé Santiso, Marta Bran, Isabel Seidel, Basilisa Fiestras, Ana Gesto e Carla Andrade, e, aínda que nun primeiro momento só era visitable ata o mes de xaneiro, finalmente, por mor das dificultades derivadas da pandemia, estará operativa ata o 31 de maio.

A través das pezas da mostra, concibida no marco do Xacobeo 2021, inclúense desde performance e grafitis ata videocreación. As artistas afondan en temas como diversas problemáticas sociais, teimas relacionadas coa precariedade laboral, coa maternidade, a inseguridade na vida creativa, cuestións vencelladas ao territorio, etc.

O catálogo da exposición amalgama toda a información sobre as pezas e as doce artistas que participaron na mostra, comisariada por Covadonga Rodríguez e que contou co labor de Alexandra R. Rey como coordinadora técnica, e de Paula Cabaleiro, artífice esta última da idea primixenia do proxecto.

Se desexas coñecer o catálogo, preme neste arquivo: Catalogo_2.pdf