Camilo José Cela Trulock naceu na localidade galega de Iria Flavia en Padrón, provincia de A Coruña, o 11 de maio de 1916. En 1942 arranca a súa carreira literaria coa publicación da súa primeira novela La familia de Pascual Duarte, á que seguiron trece novelas máis ata Madera de boj (1999). Salienta, tras La familia de Pascual Duarte, La colmena, editada en 1951 en Bos Aires polos seus problemas coa censura.
En 1989 concedéuselle o Premio Nobel de Literatura, “pola súa prosa rica e intensa, que, con refreada compaixón, configura unha visión provocadora do desamparo do ser humano”. Dous anos antes recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras, e seis anos despois concedéuselle o máximo galardón das Letras Españolas: o Premio Cervantes.
CJC cultivou todos os xéneros literarios ata chegar a un total de cento vinte títulos publicados en vida: catorce novelas; oito novelas curtas; cinco libros de poesía; dezasete libros de viaxes; vinte libros de artigos; vinteséis relatos curtos; tres obras de teatro; un romance de cego; cinco adaptacións; dous libros de entrevistas; trece obras de temas variados; unha obra de lexicografía; tres dicionarios e dous libros de memorias: La rosa (memorias da infancia) e Memorias, comprensións e vontades (memorias da xuventude). Tamén foi xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias, conferenciante, pintor, actor e un longo etcétera.
En 1956 fundou e dirixiu a revista de creación literaria desde Mallorca Papeles de Son Armadans, revista fundamental para comprender a literatura española de posguerra, e que permaneceu activa ata 1979, acadando 276 números nos seus vintecatro anos de vida.
En 1957, apadriñado por Vicente Aleixandre, Rafael Lapesa e Joaquín Calvo-Sotelo, entrou na Real Academia Española, institución onde ocupou a cadeira Q. O seu discurso de ingreso, La obra literaria del pintor Solana, respondeuno o doutor Gregorio Marañón.
En 1977 S. M. o rei Juan Carlos I nomeouno senador nas primeiras Cortes Constituíntes da transición democrática, participando na redacción do texto da Constitución de 1978.
Recibiu vintecinco doctorados Honoris Causa de dezaséis países diferentes dos catro continentes e viu como a súa obra foi publicada e traducida a máis de corenta idiomas. De feito, La familia de Pascual Duarte é considerada por moitos como a novela española máis editada e traducida tras El Quijote.