Museo do Ferrocarril

En 1873 inaugurouse o primeiro ferrocarril que circulaba en Galicia, construído para unir Santiago co porto de Carril, na ría de Arousa. Aínda que o percorrido era de tan só corenta e tres quilómetros, necesitáronse trece anos para a súa construción, dadas as dificultades para atopar o diñeiro necesario nunha rexión pobre e illada. A liña, que fora proxectada polo enxeñeiro inglés Thomas Rumball e construída polo seu compatriota John Stephenson Mould, logrou terminarse grazas á compañía Credit Company Limited, que se converteu na principal accionista e enviou a Santiago ao mozo londinense John Trulock, coa finalidade de que se fixese cargo da súa xerencia.

Naceu así The West Galicia Railway Company, Ltd., compañía que se mantivo en activo, baixo control británico, ata 1928, cando foi absorbida por unha empresa española e, tamén nese mesmo ano, incautada polo Goberno.

The West era galega de nacemento e británica de adopción. Ademais do capital e a administración, os ingleses achegaron a súa tecnoloxía e os materiais, desde as locomotoras ata os raís e, mesmo, o carbón que se importaba de Cork. John Trulock trasladou as oficinas da compañía a Vilagarcía de Arousa, onde había unha importante presenza inglesa, xa que a Home Fleet atracaba durante longas tempadas entre os anos 1874 e 1936.

Durante a súa xerencia, Trulock duplicou o percorrido da liña ata unila con Pontevedra e enlazala coa rede nacional. Na súa casa de Iria Flavia, situada ao bordo da liña e en cuxo balcón ondeaba a Unión Jack nos días de festa, naceu o seu neto: o escritor Camilo José Cela Trulock, galardoado co Nobel de Literatura en 1989 e que, orgulloso das súas orixes familiares, creou en 1999 un pequeno museo ao que lle puxo o nome do seu avó e co que pretendeu recuperar a memoria histórica daquel primeiro ferrocarril galego.

O Museo do Ferrocarril “John Trulock”, hoxe integrado dentro do Museo Camilo José Cela, e coa colaboración da Fundación de Ferrocarriles Españoles, é un espazo único no que se poden atopar todo tipo de pezas históricas, entre as que destacan a colección de farois, o tapiz da compañía The West, que colgaba no despacho do xerente en Vilagarcía de Arousa (ca. 1890) e un Ford-T de 1917 igual ao que tiña John Trulock e que foi o primeiro coche que circulou por Padrón e comarca.

Subscríbete ao noso boletín