OFRENDA FLORAL EN LEMBRANZA DE CAMILO JOSÉ CELA

Ofrenda floral en el cementerio de Adina

O pasado dezasete de xaneiro a Fundación Camilo José Cela lembrou ao escritor no día no que se cumprían vinte e un anos do seu pasamento. Para a ocasión, realizouse unha ofrenda floral xunto á tumba de CJC no cemiterio de Adina. O acto contou coa presenza do Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; o alcalde e a concelleira de cultura do concello de Padrón, Antonio Fernández Angueira e Lorena Couso; os alcaldes dos concellos de Rois, Ramón Tojo, e de Dodro, Xavier Castro, e o presidente da Casa-Museo Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Os alumnos do IES Macías o Namorado de Padrón e do Colexio SEK-Atlántico de Poio tamén participaron na ofrenda.

A continuación, os invitados trasladáronse ao paraninfo da Fundación e asistiron á doazón dunha ilustración de Xosé Teiga Estudio a cargo de Pepe Formoso, do Hotel Bela Fisterra. Para rematar o acto, procedeuse á lectura pública de La familia de Pascual Duarte, da que, o pasado mes de decembro, se cumpriron oitenta anos da súa publicación. Tanto as autoridades presentes coma os alumnos dos dous centros educativos leron fragmentos da devandita obra nunha homenaxe a CJC e á súa primixenia novela.