NOVA EXPOSICIÓN NO MUSEO CAMILO JOSÉ CELA: "LA COLMENA. 75 ANOS"

Inauguración de la exposición "La colmena. 75 anos".

Co gallo do 75 aniversario da publicación da obra no ano 1951 na editorial Emecé de Bos Aires (Arxentina), o pasado 1 de abril inaugurouse a exposición "La colmena. 75 anos", acto que contou coa presenza do Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a Concelleira de Servizos Sociais, Mariló Saco, e o diputado do Parlamento galego, Ángel Rodríguez Conde.

Nesta exposición amósase ao visitante unha serie de pezas pertencentes ao fondo documental, bilbliográfico e artístico de Camilo José Cela. Entre elas cómpre salientar os catro volumes que forman o manuscrito orixinal da novela, a epístola coa editorial Emecé aceptando a edición e a mesa de café sobre a que o autor redactou a derradeira versión de La colmena.

A mostra, comisariada por Lourdes Regueiro (Coordinadora de Actividades Culturais da Fundación) e por Iván Rodríguez (Bibliotecario da institución de Iria Flavia), baixo a coordinación técnica de Covadonga Rodríguez (Directora-Xerente), complétase co material da película homónima do ano 1982 "La colmena", dirixida por Mario Camus e galardoada co prestixioso "Oso de Ouro" do Festival de Cine de Berlín en 1983.

Estes materiais van acompañados dunha serie de paneis nos que o visitante poderá somerxerse nas diversas explicacións que o autor padronés fixo sobre esta obra ao longo dos anos, así como opinións de expertos celianos que non fan máis que completar o marco histórico da mellor novela española da posguerra.

A exposición estará aberta ao público ata o 30 de xuño de 2026, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h. Para calquera información adicional, pódese chamar ao teléfono 981-81.24.25 ou escribir ao enderezo visitas@fundacioncela.com