
O pasado 11 de xuño conmemoráronse trinta anos da inauguración da Fundación Camilo José Cela. Foi un 11 de xuño de 1991 cando os Reis don Juan Carlos I e dona Sofía acompañaron ao escritor na posta en marcha da súa Fundación, co que ese día, segundo as palabras de Cela, “faise realidade o meu soño de devolver á terra galega todo canto me deu e que é a fidedigna mostra, o inequívoco sinal de que vivín”.
O acto do pasado venres contou coa presenza, entre outras autoridades, do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou no seu discurso o compromiso do Goberno galego co coidado e a divulgación do legado do Premio Nobel padronés.
Feijóo tamén fixo referencia á organización de numerosas actividades e exposicións o vindeiro ano, coincidindo cos 20 anos do pasamento de Camilo José Cela, así coma lembrou que estes eventos sumaranse aos celebrados en 2016 (con motivo do centenario do seu nacemento), á remodelación da Casa Museo en 2017 e ao labor que desenvolve a Fundación, “a mellor plataforma de investigación, protección e proxección da herdanza do escritor: tanto literaria, cunha análise exhaustiva dos seus manuscritos; como xornalística, con amplas escolmas dos seus artigos; e epistolar e editorial”, precisou.
Feijóo aproveitou o acto para enxalzar a obra deste padronés, “un creador que, lonxe de acomodarse no seu talento, afánase por compartilo en todos os espazos da vida pública e cultural”, incidindo en que nel habita un novelista, un poeta, un académico, un viaxante e un xornalista que forman parte dunha mesma figura, unida por un denominador común de xenialidade.
Xunto ao Presidente da Xunta, estiveron no acto a Directora General del Libro y Fomento de la Lectura, Mª José Gálvez Salvador; o Presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices; o Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez; a Presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, entre outras personalidades.
Uxía e Sergio Tannus puxeron voz e música á conmemoración coa interpretación do "Alalá das Mariñas" e "A Rosalía: no bico un cantar".