Contorna

Terra de escritores

Outros escritores como Macías o Namorado e Juan Rodríguez da Cámara ou de Padrón escribiron aquí os seus versos na Idade Media. A poeta Rosalía de Castro viviu na casa da Matanza, onde está a súa casa-museo, e outros escritores menos coñecidos como Manuel Barros e Nicasio Pajares tamén naceron e viviron en Padrón.

Lugar de tradición xacobea

Conta a tradición que aquí predicou o apóstolo Santiago o Maior no lugar de Santiaguiño do Monte e que, á súa morte, os seus discípulos o trouxeron de novo a esta terra nunha barca de pedra a cal foi atada a outra pedra, o “Pedrón”. Segundo esta lenda xacobea “o pedrón” consérvase actualmente na igrexa de Santiago de Padrón.

Outros lugares de interese

Na vila de Padrón podemos atopar outros lugares de gran interese cultural e profundas raíces históricas: o paseo do Espolón —bordeando a canle do río Sar e onde se sitúan os monumentos dedicados a Rosalía de Castro e Camilo José Cela—, a ponte de Santiago, o convento do Carme. Alén do río, atopamos a fonte do Carme e o viacrucis que ascende ata a ermida de Santiaguiño do Monte.
Tamén é rico Padrón en casas señoriais como os pazos do Bispo de Quito ou o de Arretén, ou prazas como a de Macías.
Son lugares de visita obrigada por ser exemplos da arquitectura relixiosa o mosteiro franciscano de San Antonio de Herbón, orixinario do século XIV, o santuario da Escravitude e a xa mencionada igrexa de Santiago.

Gastronomía

Entre os produtos gastronómicos sobresaen, de maneira especial sobre os demais nesta comarca, os famosos pementos, introducidos desde América polos monxes franciscanos de Herbón no século XVII, e a lamprea, capturada entre os meses de febreiro e maio de forma tradicional nas “pesqueiras” orixinarias da época romana.
Vale a pena achegarse ao mercado dominical de Padrón para comprobar a riqueza gastronómica dunha comarca xenerosa para os amantes da boa mesa e a tradición culinaria.
Para máis información consulta a páxina de Turismo de Padrón ou a páxina Terras de Iria.

Subscríbete ao noso boletín