Co gallo do 70 aniversario da publicación de La colmena no ano 1951, a Fundación Camilo José Cela abriu ao público o pasado venres a exposición "La colmena. Historia dunhas páxinas zarandeadas". Na mostra o visitante poderá coñecer de primeira man a xénese da novela con todas as vicisitudes que sufriu o seu autor dende a publicación da novela en Bos Aires no ano 1951 ata a súa edición autorizada en España no ano 1963, pasando pola prohibición por parte da censura e chegando á derradeira edición ata o momento, correspondente ao ano 2020. Trátase de medio cento de pezas pertencentes ao fondo documental, bibliográfico e artístico da propia institución, entre as que cómpre salientar o primeiro volume dos catro que forman o manuscrito orixinal da novela e a mesa de café sobre a que Camilo José Cela redactou a derradeira versión da obra antes de presentala á censura.
Complétase a exposición cunha homenaxe ao recentemente falecido director de cine Mario Camus, director da película homónima do ano 1982 "La comena", galardoada co prestixioso "Oso de Ouro" do Festival de Cine de Berlín en 1983. Neste senso, o visitante poderá visualizar extractos da película, onde Camilo José Cela interpreta ao personaxe de Matías Martí, así como o guion cinematográfico do film e unha réplica do galardón berlinés.
A exposición poderá visitarse dende o 23 de setembro de 2021 ata o 1 de abril do 2022, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 h. Para calquera información adicional, pódese chamar ao teléfono da Fundación 981-81.24.25 ou ao enderezo electrónico visitas@fundacioncela.com