O pasado venres, 6 de novembro, a Fundación Camilo José Cela inaugurou a exposición "Unha rede feita de papel. 70º aniversario de Papeles de Son Armadans", coa que homenaxea un dos mellores proxectos do premio Nobel galego.
A revista Papeles de Son Armadans, fundada en 1956 por Camilo José Cela, e que acadou vinte e catro anos de vida, recuperou aos escritores do exilio para que as súas voces volveran a escoitarse no seu país. Doutra banda, publicou en galego, en catalán e en éuscaro nunha época na que non estaba tolerado. Foron douscentos setenta e seis números nos que participaron máis dun milleiro de autores.
A exposición recolle a creación da revista, o contexto socio-político e literario do momento e as redes humanas que se forxaron a raíz de Papeles de Son Armadans. Tamén se poden escoitar as palabras do director sobre a súa publicación.
A mostra conta cun recurso educativo creado específicamente para os centros de ensino secundario e bacharelato. A través del, e despois de facer un percorrido pola exposición, poden traballar cunha serie de pescudas que lles permitirán coñecer o mundo das revistas culturais e, mesmo, crear eles unha no seu centro. Os docentes interesados neste recurso educativo, poden poñerse en contacto coa Fundación no teléfono 981-81.24.25 ou no correo electrónico iriaflavia@fundacioncela.com
A exposición estará aberta ao público ata o mes de febreiro, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 h.