LEMBRANZA DE CAMIILO JOSÉ CELA NO 109º ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Ofrenda floral en el cementerio de Adina.

O pasado venres, 9 de maio, lembrouse a Camilo José Cela no 109º anviersario do seu nacemento, acaecido o 11 de maio de 1916. Levouse a cabo unha ofrenda floral no cemiterio de Adina, onde repousa o escritor. Nela participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; os alcaldes de Padrón, Dodro e Rois; o presidente da Casa-Museo Rosalía de Castro; o Presidente do Clúster de Turismo; varias concelleiras do concello de Padrón e algún veciño de Iria Flavia. O acto estivo amenizado polo grupo folclórico Xoldra E Máis.

O conselleiro de Cultura destacou a Camilo José Cela “por ter sido unha das voces máis singulares e poderosas da literatura española do século XX”. Ademais, recordou que este 2025 cúmprense 30 anos da concesión do Premio Cervantes a Cela, unha das maiores distincións das letras hispánicas. Neste senso, tal e como indicou López Campos, “para homenaxear ao mestre da palabra e defensor da nosa identidade cultural”, procedeuse á lectura da obra Madera de boj, ambientada na Costa da Morte e que é a última das súas novelas.

Dende o 12 ao 23 de maio o Museo terá xornada de portas abertas, de xeito que non se cobrará entrada aos visitantes que se acheguen a Iria Flavia.