O cadro "Hombre y joven marinero" (1929) de Federico García Lorca, pertencente á pinacoteca da Fundación, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará hoxe, 2 de maio, no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869.
Antes da súa viaxe a Chicago, a peza foi sometida a unha intervención conservadora coordinada pola especialista Sylvia Fernández Bueno, coa finalidade de garantir a súa correcta preservación e presentación pública.
O cadro foi un agasallo dos profesores Ángel del Río e Amelia Agostini a Camilo José Cela e está custodiado pola Fundación dende hai décadas, xunto a outro debuxo de Lorca, "Claro de circo".