A sé

Nas Casas dos Cóengos, construídas en 1790 para residencia dos eclesiásticos que atendían os servizos relixiosos da Colexiata de Santa María de Adina ata a súa supresión e conversión en parroquia en 1851, sitúase o museo dedicado á figura de Camilo José Cela. Alí consérvanse múltiples referencias á súa vida e á súa obra plasmadas en amplas e variadas coleccións: biblioteca, hemeroteca, epistolario, manuscritos, pinacoteca etc., así como diversos legados persoais que compoñen un conxunto artístico-documental de gran valor para o estudo e coñecemento do devir cultural español da segunda metade do século XX.

En 1991 SS.MM. os Reis de España inauguraron a primeira das casas como casa-museo do escritor. Co paso dos anos, e baixo a tutela do premio Nobel —quen foi deixando o seu sinal persoal en cada moble e en cada elemento museográfico—, a institución foi ampliando aos poucos a súa sede. A última das casas foi inaugurada no ano 2001, tan só uns meses antes do falecemento do escritor.

Tras estes 10 anos de consolidación do proxecto fundacional, a actual sede abarca cinco das oito casas do complexo das Casas dos Cóengos, cun total de 11.000 m2 (3000 de superficie construída e 8000 de xardíns).